Cooperativas, asociacións, universidades e demais axentes do tecido socioeconómico galego, así como representantes de entidades da ES galega e de institucións públicas, congregáronse o pasado venres en Santiago de Compostela para celebrar o X Aniversario da Rede Eusumo. Todos eles puxeron en valor este modelo como motor de creación de emprego e polo seu potencial innovador, e salientaron o importante papel da rede ata o momento esperando que prosiga o seu labor e mellore a súa traxectoria.
Durante o acto tivo lugar un coloquio moderado pola Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, no que interviron a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, e o director xerente de Agaca, Higinio Mougán. Estas dúas entidades representativas do cooperativismo galego estiveron presentes desde os albores da Rede Eusumo e grazas ao seu traballo foi posible construír a rede e levala ata onde está hoxe. Os tres participantes neste coloquio recordaron os inicios da Rede, cales son os seus obxectivos, como funciona, que obxectivos acadou e cales quedan por cumprir. Así mesmo, puxeron en valor ás persoas que axudaron a facer e manter a Rede Eusumo, como Alba Paz, “quen colleu a Rede nos seus primeiros pasos e a acompañou durante un longo período mimándoa e facendo que todas as entidades que formamos parte dela a sentísemos como propia. Eses traballos, na maioría das veces non visibles e moi pouco gratificantes son os que fan que proxectos coma estes se consoliden e medren. Esta forma de facer é a que por norma xeral nos caracteriza ás mulleres, a que se recoñece nos traballos de coidados. Gustaríame lembrar aquí que os coidados non só se dan no ámbito privado senón que tamén as organizacións e as empresas precisan ser coidadas. E estas actividades que son imprescindibles na maioría dos casos non son recoñecidas e moitas veces non cuantificables. Esta forma de facer é a mesma ca Economía Social e esta será a que compoña, sen dúbida, ese novo liderado feminino”, salientou Ana Olveira.
Tras o coloquio, o presidente do Foro pola Economía Social Galega (ForoESGal), Celso Gándara, subiu ao escenario para facer balance de onde se atopa actualmente a Economía Social galega e a onde quere chegar. Recalcou o fortalecemento das familias da economía social e do seu ecosistema, así como o posicionamento da ES galega no ámbito estatal da man do Consello de Emprego. Incidiu durante a súa intervención na importancia de aproveitar as modificacións lexislativas de ámbito estatal para fortalecer a ES, en traballar en espazos de colaboración con outras comunidades autónomas, así como na importancia de orientarse cara sectores nos que se ten identificado oportunidades de crecemento. Gándara tamén recordou que dende o ForoESGal están a traballar nunha aceleradora de economía social en espazos como o a economía dos coidados, a economía circular, as cooperativas agroalimentarias e comunidades enerxéticas, as industrias culturais...
No remate do acto a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, agradeceu a traxectoria desta rede promovida pola Xunta de Galicia “forxando unha historia de valores” e de apoio “ás empresas con alma”. Lorenzana destacou o carácter pioneiro da Rede Eusumo nacida co dobre obxectivo de apoiar a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores da creación de emprego e para axudar a consolidar as empresas da Economía Social xa existentes mediante a mellora da súa competitividade.
“É posible outra forma de enfocar e xestionar a economía para que sexa un medio e non un fin, para que estea ao servizo do desenvolvemento persoal, profesional e comunitario a un mesmo tempo”, destacou a conselleira.
A Rede Eusumo é unha canle aglutinadora de empresas e entidades que se rexen polos principios que propugna a Economía Social. Precursora da colaboración público-privada, destacou a conselleira, xogou nos últimos dez anos un papel determinante no microemprendemento cooperativo galego. Tamén puxo o foco sobre a necesidade de revisar a súa fórmula para que “se adapte aos tempos”.
Rede Eusumo
A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.
A través da Rede Eusumo:
- Préstase apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.
- Póñense a disposición das persoas e entidades interesadas medios para o emprendemento entre os que se inclúen as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais de economía social.
- Impúlsase o modelo empresarial no ámbito local, a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego na economía social.
Entre os obxectivos que persegue está proporcionar información, formación, orientación e asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social, acompañar e asesorar proxectos empresariais cooperativos e de economía social, promocionar as tecnoloxías da información e comunicación así como o impulso da I+D+i e do traballo en rede e apoiar a comercialización e internacionalización das entidades de economía social, promovendo encontros internacionais e transfronteirizos para o intercambio comercial e a cooperación empresarial.